try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
SEECGALICIA
Sección Galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos

Lugo 2009

Clausura do circuito de teatro xuvenil Prosopon 2009

clausura_merida-09.png
Os días 9 e 10 de maio celebrouse en Mérida a clausura nacional do circuíto de teatro xuvenil Prósopon. Os representantes dos 10 festivais comezaron o día visitando os numerosos restos arqueolóxicos espallados por toda a cidade: Casa do Mitreo, columbario, teatro e anfiteatro. O coordinador do festival de Mérida, Luis Argüello, foi un excelente guía que nos descubriu os secretos agochados nas vellas pedras de Emerita Augusta.

Remata o festival Lugo 2009

antigona_balbo_09.jpg
Durante os días 9, 10 e 11 de marzo celebrouse o IX Festival de teatro Grecolatino de Lugo. Fixo a inaguración Cecilia Criado, presidenta da sección galega da SEEC, quen entregou os premios aos equipos gañadores do concurso de cultura clásica Odisea 2009.
O primeiro día o grupo Hypnos, do IES Francisco de los Ríos de Fernán Núñez, Córdoba, levou a escena as Bacantes de Eurípides e Lisístrata de Aristófanes, con espléndido resultado estético e gran forza expresiva malia a xuventude dos actores. O martes actuou Balbo, do Puerto de Santa María, pioneiro dos grupos escolares de teatro grecolatino. Estreaban Antígona de Sófocles e reestreaban Mostellaria de Plauto, con cambios na posta en escena que aportaron dinamismo e cor á obra. O terceiro día o grupo Prósopon do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, ofreceu Nubes de Aristófanes e Miles Gloriosus de Plauto, resolvendo con acerto as dificultades técnicas que supón sobre todo a posta en escena de Aristófanes.
Como todos os anos a resposta á nosa convocatoria foi excelente. Por primeira vez alcanzamos a cifra de 90 centros asistentes e 4.321 espectadores, procedentes de toda Galicia, Asturias e León. O noso agradecemento a todos eles, en especial aos profesores, que se encargan de animar aos alumnos, traballar os textos e organizar un día de teatro e cultura na cidade de Lugo.
Unha vez máis queremos deixar constancia pública do nosa débeda de gratitude co concello de Lugo, que a través da súa concellería de Educación sufraga parte dos gastos do noso festival. Sen eles non o poderíamos sacar a diante.
Baixa o telón, pero desde este mesmo momento empezamos a preparar o festival do ano próximo, que pretendemos que sexa especial, xa que chega á décima edición.
Para iso necesitámosvos a todos, como espectadores, como colaboradores ocasionais ou como socios da SEEC, que en definitiva é quen fai o esforzo de continuar cun labor que comezou modestamente, pero leva posto ante os dramas clásicos a máis de 25.000 mozos nestas nove edicións.
Graciñas e ata o ano vindeiro.
Visita a Galería de imaxes desta edición do festival.

Comezou o Festival de Lugo 2009

balbo_lugo_2009_01.jpg

Onte luns deu comezo o festival de teatro grecolatino Lugo 2009. Logo da entrega de premios do concurso Odisea, o Grupo Hypnos, do IES Francisco de los Ríos de Fernán Núñez, Córdoba, foi o encargado de abrir esta nova edición coa posta en escena das Bacantes de Eurípides e Lisístrata de Aristófanes.
Hoxe martes foi o turno do grupo Balbo, do Puerto de Santa María, Cádiz, con Antígona (Sófocles) e Mostellaria (Plauto).
Mañá mércores chega Prósopon, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que representará As Nubes (Aristófanes) e Miles Gloriosus (Plauto).

Comezou o prazo de reserva de prazas para o festival de Lugo 2009

Podes reservar as túas prazas para asistir ao festival cubrindo este formulario.

Distribuir contido