try another color:
try another fontsize: 60% 70% 80% 90%
SEECGALICIA
Sección Galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos

O grupo "Parrocha", do IES Elviña, á fase final do IV Certame Nacional de teatro grecolatino

O grupo de teatro PARROCHA, do IES ELVIÑA, coa súa montaxe teatral AS TROIANAS, clasificouse para a FASE FINAL da cuarta edición do CERTAME NACIONAL para grupos de teatro clásico grecolatino, convocado polo Ministerio de Educación.
Esta clasificación supón asegurar xa, como mínimo, o 5º posto a nivel nacional; o IES ELVIÑA é xa a terceira vez que acode a esta fase final; nas dous anteriores, 2006-2007, en tándem co IES PASEO DAS PONTES, o entón grupo de teatro SARDIÑA
obtivo o PRIMEIRO PREMIO NACIONAL en ambas.
A realización da FASE FINAL terá lugar o próximo 6 de xuño no teatro romano de SEGÓBRIGA.

 

Clausura do circuito de teatro xuvenil Prosopon 2009

clausura_merida-09.png
Os días 9 e 10 de maio celebrouse en Mérida a clausura nacional do circuíto de teatro xuvenil Prósopon. Os representantes dos 10 festivais comezaron o día visitando os numerosos restos arqueolóxicos espallados por toda a cidade: Casa do Mitreo, columbario, teatro e anfiteatro. O coordinador do festival de Mérida, Luis Argüello, foi un excelente guía que nos descubriu os secretos agochados nas vellas pedras de Emerita Augusta.

Grao en FILOLOXÍA CLÁSICA USC - Implantación no curso 2009-2010

logousc.gif
Grao en FILOLOXÍA CLÁSICA (Universidade de Santiago de Compostela)
Implantación a partir do curso 2009-2010


O Grao en Filoloxía Clásica ten como principal obxectivo o estudo das linguas, as literaturas e as culturas Grega e Latina, así como o da súa pervivencia e influencia decisiva na civilización occidental e en todas as civilizacións da Terra.

O plan de estudos posibilita a aprendizaxe do Grego clásico e do Latín,así como das súas respectivas literaturas, buscando un equilibrio entre materias teóricas e prácticas. A aprendizaxe das linguas realízase a través do estudo da fonética, a morfología e a sintaxe, combinado coa tradución e o comentario de textos. Os coñecementos lingüísticos constitúen a base que permite ao alumno introducirse na literatura e na teoría literaria.

O Grao ofrece tamén coñecementos avanzados noutros campos tradicionalmente vinculados coa Filoloxía Clásica: a crítica textual, a paleografía, a mitoloxía e a relixión, o pensamento clásico, as institucións. O estudo da evolución e a historia das linguas, na cal destaca a lingüística comparativa indoeuropea, permite adquirir a máis ampla e profunda persepectiva de análise da diversidade cultural.

O panorama que se ofrece ao titulado en Filoloxía Clásica inclúe, xa que logo, a mellor perspectiva para un estudo comparativo das principais linguas europeas; en especial, podemos destacar no noso Departamento unha consolidada tradición de Estudos Medievais,fundamentais para comprender a historia cultural de Galicia na súa contorna europea.

Saídas e perfís profesionais

A saída profesional máis xeneralizada é o ensino no nivel de secundaria. Con todo, a enorme preparación e capacidade analítica e crítica que proporciona a Filoloxía Clásica permiten tamén aos graduados competir con vantaxe en moi variados ámbitos profesionais: o mundo editorial, bibliotecas, arquivos, museos, empresas de servizos culturais e de patrimonio histórico-artístico, etc.

Podes descargar dende aquí o documento completo do Proxecto de memoria para a verificación do título de Grao, aprobado pola Xunta de Facultade e Consello de Goberno o pasado ano.

Asemblea SEECGalicia. Mércores 29 de abril. Facultade Filoloxía USC.

Convocamos a tódol@s soci@s á asemblea que terá lugar o vindeiro mércores 29 de abril, as 17:30 horas, na aula 22 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

A orde do día será a seguinte:

  1. A situación das nosas disciplinas nos novos plans educativos: a súa aplicación nos IES. Medidas a tomar.
  2. Balance de actividades realizadas no curso 2008/2009.
  3. Informe económico.
  4. Rogos e preguntas

N.B.-  Prégase aos profesores de secundaria que asistan á asemblea, que aporten información sobre os casos concretos da aplicación do decreto nos Centros, pois en moitos xa se coñecen os plans que hai con respecto ás materias propias de modalidade.

"Las Nubes", de Aristófanes, na facultade de Filoloxía da USC

MILES_144.jpg
O vindeiro xoves 23 de abril terá lugar a representación de "Las Nubes", de Aristófanes, polo grupo de teatro Prósopon do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (Lugo)

Será ás 19:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela.

E entrada é libre. No caso de que algún profesor de IES quixera asistir cos seus alumnos, chame a Teresa Amado ao 981 563100, ext. 11888, horario de 11:30 a 13:00, ou envie un correo-E a este enderezo.

 
*imaxe: respresentación de Miles Gloriosus polo grupo Prosopon.

Xornadas da Facultade Filoloxía USC para docentes de secundaria

A Facultade de Filoloxía vai celebrar os días 17 e 18 de abril unhas xornadas formativas dirixidas especificamente a orientadores e profesores de linguas e literaturas dos centros de Secundaria, co fin de dar a coñecer a súa nova oferta de estudos de grao e máster.

A inscrición é gratuíta, pero en todo caso é necesario inscribirse previamente, tanto por limitacións de espazo como pola necesidade de certificar logo a asistencia. Aínda que no triptico figura o 3 de abril como data límite,  o prazo será ata o día 15 de abril de 2009.

Preme nos adxuntos para descargar o boletín de inscrición e o tríptico.

Crónica da viaxe a Grecia

Tirinto con Argos al fondo.JPG

Seis institutos de Galicia, Menéndez Pidal (A Coruña), Moncho Valcarce (Pondes de García Rodríguez), Saturnino Montojo (Ferrol), Pedregal de Irimia (Meira), Agra de Leborís (Laracha), CPI Xosé Pichel (Coristanco), realizaron unha viaxe cultural á Grecia clásica, inaugurando así esta nova actividade organizada por SEECGalicia. Este foi o calendario da semana:

Primeira viaxe a Grecia organizada por SEECGalicia

3201727235_e0b87ee432_o.jpg
Cumprindo un dos puntos do noso programa, SeecGalicia organizou unha viaxe cultural á Grecia clásica. Participan seis institutos de Galicia (Menéndez Pidal, Agra de Leborís, Saturnino Montojo, Moncho Valcarce, Xosé Pichel e Pedregal de Irimia) cun total de 34 alumnos e 6 profesoras; viaxan dende o sábado 14 ata o sábado 21 de marzo.
O programa é facer un percorrido pola Grecia clásica:
  • Atenas: tres días visitando os lugares máis emblemáticos de Atenas, de Grecia e da nosa propia cicilización: Acrópolis, Ágora, Museo Histórico Nacional e os moi diversos lugares da ancestral tradición da cidade.
  • Farán logo un periplo polo Peloponeso durantre catro días:
    Micenas, Epidauro, Tirinto, Argos, Nauplio, Olimpia, Delfos.
Será unha viaxe fascinante para os nosos alumnos de Cultura Clásica, Latín e Grego.
* imaxe de Gisleno F. L. pertencente ao mural de Chiron.

Resultado da fase nacional do Certamen Ciceronianum

A Comisión do Certamen Ciceronianum 2009 elexiu como gañadora da fase nacional á alumna ROSANA CRUZ ALONSO, do IES "Venancio Blanco" de Salamanca, cuxa profesora é Dña. Amelia Rodríguez Sánchez-Bordona.

Remata o festival Lugo 2009

antigona_balbo_09.jpg
Durante os días 9, 10 e 11 de marzo celebrouse o IX Festival de teatro Grecolatino de Lugo. Fixo a inaguración Cecilia Criado, presidenta da sección galega da SEEC, quen entregou os premios aos equipos gañadores do concurso de cultura clásica Odisea 2009.
O primeiro día o grupo Hypnos, do IES Francisco de los Ríos de Fernán Núñez, Córdoba, levou a escena as Bacantes de Eurípides e Lisístrata de Aristófanes, con espléndido resultado estético e gran forza expresiva malia a xuventude dos actores. O martes actuou Balbo, do Puerto de Santa María, pioneiro dos grupos escolares de teatro grecolatino. Estreaban Antígona de Sófocles e reestreaban Mostellaria de Plauto, con cambios na posta en escena que aportaron dinamismo e cor á obra. O terceiro día o grupo Prósopon do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, ofreceu Nubes de Aristófanes e Miles Gloriosus de Plauto, resolvendo con acerto as dificultades técnicas que supón sobre todo a posta en escena de Aristófanes.
Como todos os anos a resposta á nosa convocatoria foi excelente. Por primeira vez alcanzamos a cifra de 90 centros asistentes e 4.321 espectadores, procedentes de toda Galicia, Asturias e León. O noso agradecemento a todos eles, en especial aos profesores, que se encargan de animar aos alumnos, traballar os textos e organizar un día de teatro e cultura na cidade de Lugo.
Unha vez máis queremos deixar constancia pública do nosa débeda de gratitude co concello de Lugo, que a través da súa concellería de Educación sufraga parte dos gastos do noso festival. Sen eles non o poderíamos sacar a diante.
Baixa o telón, pero desde este mesmo momento empezamos a preparar o festival do ano próximo, que pretendemos que sexa especial, xa que chega á décima edición.
Para iso necesitámosvos a todos, como espectadores, como colaboradores ocasionais ou como socios da SEEC, que en definitiva é quen fai o esforzo de continuar cun labor que comezou modestamente, pero leva posto ante os dramas clásicos a máis de 25.000 mozos nestas nove edicións.
Graciñas e ata o ano vindeiro.
Visita a Galería de imaxes desta edición do festival.
Distribuir contido